PONTEVEDRA> Os bombeiros dos consorcios provinciais reclaman ser recoñecidos como persoal fixo. Existe unha sentenza do Tribunal Supremo que avala esta esixencia pero que non se está a aplicar na actualidade. Hai dous meses que o persoal do consorcio pontevedrés está en folga pola que non fan horas extra. Hoxe bombeiros de toda Galicia non desbotan estender a medida, complicando, por exemplo, os labores de extinción dos lumes forestais.
Medio cento de bombeiros dos consorcios provinciais de toda Galicia ofreceron esta mañá unha fronte común no Parque de Vilagarcía. Esixen que as administracións teñan en conta as súas demandas, que pasan por ser recoñecidos como persoal fixo.
Hai unha sentenza do Tribunal Supremo que avala esta esixencia pero que nin a Xunta nin as Deputacións, encargadas de xestionar os consorcios, están a aplicar. Tamén reclaman que se negocie un convenio para igualar as súas condicións laborais ás doutros bombeiros de España. Eles traballan 1.800 horas ao ano fronte ás 1.642 que fan noutros puntos do estado. Un calendario ao que hai que sumar as horas extra, que poden acadar as 240 anuais.
Ante esta situación, reclaman condicións dignas. Os bombeiros do consorcio provincial contra incendios de Pontevedra comezaron unha folga hai dous meses. Néganse a facer horas extra para completar os reténs de garda, algo que xa forzou ata en 12 ocasións o peche do parque de Vilagarcía, entre outros. Agora non desbotan estender esta medida.
O vindeiro luns os bombeiros están convocados en Santiago a unha asemblea. Celebrarán outra o día 9 en Lugo. O obxectivo é deseñar unha estratexia para decidir o camiño a seguir.