PONTEVEDRA> Visto para sentenza o xuízo contra o home que en 2018 disparou a súa exparella na súa casa do Grove. Tras unha primeira sesión sen acordo, hoxe o acusado recoñeceu os feitos e conformouse cunha pena de prisión de 12 anos. Á saída da Audiencia Provincial de Pontevedra, a vítima da agresión, Eva Afonso, aseguraba que aínda que non está satisfeita co resultado, si supón un alivio que lle permitirá por fin refacer a súa vida.
Eva Afonso, a veciña do Grove que en decembro do 2018 foi tiroteada pola súa exparella, dá hoxe por pechado o seu calvario.
A Audiencia Provincial de Pontevedra acolleu a segunda sesión do xuízo contra José Antonio Prieto, o seu agresor. Mentres que no primeiro día asegurou non recordar nada, hoxe mudou de versión: recoñeceu os feitos dos que se lle acusa e aceptou as penas propostas.
Prieto asume así unha condena de 12 anos de cadea: 2 anos polo delito de maltrato, 9 meses polo quebrantamento de condena, 9 anos polo delito de asasinato con aleivosía en grato de tentativa co agravante de parentesco e xénero e 1 ano pola tenza ilícita de armas. O seu avogado defensor pediu ao tribunal que se teña en conta o atenuante de dilacións indebidas.
Tamén se achegaron posturas no referente á responsabilidade civil. A Fiscalía pide 100.000 euros pero a acusación particular e a defensa coincidiron en acordar a entrega á vítima do piso da localidade do Grove onde vive coa filla e que é propiedade do acusado.











