Campaña contra a gripe

    Esta mañá iniciouse a campaña de vacinación contra a gripe que se levará a cabo ata o vindeiro día 2 de decembro en tódolos centros sanitarios da comarca. O programa vai dirixido a toda a población aínda que con especial énfase nos colectivos de risco encabezados polas persoas maiores de 65 anos.

    Todos aqueles barbanzáns que desexen evita-la gripe de cara ó vindeiro inverno ou ben aminorar os seus efectos poden participar na campaña de vacinación que, dende hoxe, se está a desenvolver nos centros sanitarios e hospitais da comarca. Dende a Consellería de Sanidade recoméndase participar no programa de prevención, especialmente ás persoas maiores de 65 anos ou colectivos con risco de complicacións derivadas de padecer a enfermidade. Deste xeito, o programa non soamente se está a levar a cabo en centros sanitarios senón tamén en residencias para a terceira idade, centros de atención a discapacitados ou centros para a terceira idade. As previsións da Consellería apuntan a acadar un 64 por cento de participación no que respecta ós colectivos de risco, cifra que contará cunha alta porcentaxe de veciños do Barbanza posto que consideran a vacina como a medida máis eficaz para esquecerse da gripe. Esta mañá eran moitas as persoas que se desprazaron ata os centros da comarca para previ-los efectos desta doenza de cara ó inverno que entra.