BOIRO> Dende Boiro Novo non entenden a proposta presentada polo executivo no pasado pleno de comezar a cobrar polo uso da piscina, sen ter aínda unha oferta completa de servizos que ofrecerlle ós usuarios. Un feito que lles parece de irresponsabilidade absoluta.
Segundo Boiro Novo nada se sabe do proxecto de ampliación da sala de fitness e da bancada nin tampouco do proceso de municipalización do complexo deportivo.
Fronte a esta forma de facer política do actual goberno, dende Boiro Novo poñen o exemplo do seu traballo á fronte da concellería de Deportes durante os apenas dous anos nos que estiveron no goberno no anterior mandato, con importantes actuacións no complexo deportivo da Cachada como é o caso da reforma dos vestiarios, a nova cuberta do pavillón ou a homologación da piscina para probas oficiais, entre outras.











