A Asociación de Compradores de Pescado e Marisco de Ribeira (ACOPERI) vén de presentar un escrito no concello no que solicita que se proceda de inmediato á entrega das licenzas municipais de comprador en lonxa.
De “incoherente” cualifican os membros de ACOPERI a actitude amosada polo goberno local no proceso de adquisición das licencias de comprador en lonxa. Durante o pasado mes de xuño o concello publicou unha notificación segundo a cal os interesados en adquirir as acreditacións deberían aportar, antes do día 15 de xullo, a documentación requirida así como aboar a taxa de 44’21 euros. Neste documento facíase constar que con posterioridade á data indicada non se permitiría a adquisición da licenza. Os membros da asociación amosaron daquela a súa satisfacción ante esta medida que viña a solucionar as irregularidades de compra ilegal existentes na lonxa da vila, xa que se trataría dun documento persoal e intransferible identificativo dos compradores autorizados. Sen embargo, ata o momento non se entregou ningunha licenza polo que os membros de ACOPERI consideran que o interese do goberno local non é solucionar o problema senón percibir os ingresos derivados desta taxa. Nesta liña, cualifican a actitude do concello de “inoperante e incompetente” criticando a deixadez nas súas funcións.
Polo momento, non existen restricións á hora de efectuar compras na lonxa e calquera persoa pode acceder libremente polo que os membros da asociación de compradores reclaman a entrega das licenzas no período máis breve posible e que se sancione de forma exemplar a práctica habitual desta compra ilegal.
Redacción Barbanza