Actividades Outono Cultural Boiro

    O alcalde de Boiro, Xosé Deira, e o concelleiro de Cultura, Xerardo Piñeiro, presentaron en rolda de prensa a programación do outono cultural da localidade.

    Cine, teatro, concertos de música ou exposicións serán algúns dos principais atractivos na edición deste ano. Precisamente o concelleiro de Cultura explicou que a programación ofertada é froito da colaboración entre distintas entidades e amosa a puxanza do concello no ámbito cultural.

    A programación será ampla e variada destacando os ciclos de teatro e música, as escolas culturais centradas en diversos ámbitos artísticos e a importancia de fomenta-la cultura no eido educativo. Deste xeito, o programa inclúe a sexta mostra de teatro escolar e a realización de numerosos concertos didácticos para escolares.

    Outro ano máis o concello boirés tamén desenvolverá as xornadas micolóxicas, a semana da cultura galega ou as Xornadas Audiovisuais que xa alcanzan este ano a súa terceira edición. Esta iniciativa, que se desenvolverá durante a primeira fin de semana de novembro, inclúe diversas seccións como a de produción propia, animación ou vídeo rápido.

    Pola súa banda o rexedor boirés destacou a importancia da programación que será ampla e variada en tódolos aspectos, tanto en temáticas como en públicos a quen vai dirixida.

    Redacción Barbanza