Pontón urxe á Xunta a revogar a autorización de vertido da mina de San Finx

NOIA> A xuntanza mantida esta mañá na sede da confraría noiesa entre os representantes da Plataforma contra os vertidos da mina de San Finx e a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, tiña coma principal finalidade analizar o estado no que está actualmente o proceso, unha vez iniciadas as obras da planta de tratamento de achiques da explotación mineira, paso previo ó baleirado duns catro millóns de metros cúbicos de augas contaminadas con metais pesados.

Na reunión abordáronse tamén as accións que se están a preparar por parte dos distintos colectivos implicados, incluíndo unha batería de accións xudiciais.

A intención da Plataforma non é outra que parar os vertidos antes de que poidan causar un desastre medioambiental.

Na xuntanza, Pontón mostrou o seu total apoio á Plataforma. Segundo ela urxe paralizar esta autorización de vertido, que pon en serio risco o futuro de moitas familias que viven directa ou indirectamente da Ría.

A líder nacionalista sinalou que apoiarán tamén a convocatoria de manifestación prevista para o vindeiro domingo 29 de abril en Santiago, e anunciou que levarán novas iniciativas ó Parlamento solicitando a paralización desta autorización de vertido, que, segundo ela, se puido levar a cabo de xeito irregular.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí