![]()
POBRA > O museo Valle-Inclán abreu de novo as súas portas despois de catro meses pechado polas reformas levadas a cabo por mor das riadas.
As persoas que visiten estes días o museo pobrés non observarán cambios significativos no edificio nin nas súas instalacións, xa que as obras levadas a cabo, cun presuposto superior ós 80 mil euros, supuxeron fundamentalmente a realización do saneamento integral do edificio e a instalación da calefacción, así como a dotación de novos equipamentos audiovisuais.
Ó acto oficial da reapertura do museo Valle-Inclán, que se desenvolveu no propio auditorio, asistiron o Director Xeral de Patrimonio, Felipe Arias, e o presidente da Asociación de Casas Museo e Fundacións de Escritores de España, José Payá, así como tamén representantes da familia Valle-Inclán e responsables das Casas Museo e Fundacións de Escritores de toda Galicia e mesmo doutras comunidades autónomas. Foi precisamente o Director do museo pobrés, Antonio González Millán, o encargado de explica-las actuacións realizadas no edificio, que foron efectuadas grazas en parte á colaboración da Consellería de Cultura e do Consorcio de Compensación de Seguros.
A reapertura do museo pobrés coincidiu tamén coa presentación dunha nova escultura de Valle-Inclán que pasará a formar parte dos fondos do museo, realizada polo escultor Gonzalo Sánchez Mendizábal a partir dun retrato feito do autor de Luces de Bohemia polo artista Victorio Macho. A obra, construída en bronce e sobre unha base de granito, está colocada na entrada do edificio.
Redacción Barbanza







