O Camiño da Ría Muros-Noia avanza na tramitación da súa declaración oficial

BARBANZA> A presidenta da Asociación de Desenvolvemento Ría de Muros Noia entregou na Consellería de Cultura a recompilación da documentación histórica do Camiño de Santiago pola ría.

Tras meses de estudo e recompilación da documentación relativa ó camiño de peregrinación a Santiago pola Ría de Muros Noia, a ARD que aglutina a nove concello vén de dar un paso máis cara a consecución do recoñecemento oficial do trazado. A presidenta da entidade, Teresa Villaverde, entregoulle ó Conselleiro de Cultura un estudo no que se recollen testemuñas arqueolóxicas, históricas e documentais que acreditan a historicidade desta ruta xacobea.

A entrega da documentación coincide practicamente coa adxudicación da asistencia técnica para a delimitación do trazado cultural cun orzamento de dezaoito mil euros. O obxectivo é que obteña o recoñecemento como ruta histórica primeiro para posteriormente ser declarado camiño oficial de Santiago.

O Conselleiro recibiu moi positivamente a proposta dos nove concellos que conforman este proxecto. Comprometeuse a trasladar a documentación á Dirección Xeral de Patrimonio, que deberá emitir un informe como paso previo á declaración da ruta xacobea.