Onte deron comezo os cursos de formación do Plan de Mellora da Hostalería impulsado pola Mancomunidade de Municipios Arousa Norte, cunhas clases de mercadotecnia no centro social de Boiro. A fase de formación continuará en futuras semanas e abordará temas relativos ás técnicas de venda, catas de viño, finanzas, servizos, atención ó cliente.
Os empresarios da comarca do Barbanza poden incrementa-la súa formación en diversos campos grazas ós cursos integrados no Plan de Mellora da Hostalería organizados pola Mancomunidade de Municipios Arousa Norte. As actividades deron comezo onte mesmo coa realización do primeiro dos seminarios centrado nas técnicas de marketing en hostalería que se está a desenvolver no centro social de Boiro ata o xoves 20. Este primeiro curso dará paso a sete máis que se desenvolverán durante os meses de outubro, novembro e decembro. Dende o 24 ó 27 deste mes, o Restaurante Miramar de Boiro acollerá un cursiño de Elaboración de Tapas e Usos do Mexillón. Para o vindeiro mes de novembro está programada a realización dun curso de Técnicas de Venta do día sete ó dez na casa de Cultura de Rianxo, de Catas de Viño do 14 ó 17 no restaurante Miramar, de Finanzas na hostalería do 21 ó 24 no ISM da Pobra e a área de Servizos será abordada entre o 28 de novembro e o un de decembro no restaurante Miramar. O plano de mellora tamén contempla actividades destinadas a mellora-la atención ó cliente que se desenvolverán do 12 ó 15 de decembro e un obradoiro de postres típicos de Nadal que terá lugar do 19 ó 22 de decembro. Tódolos cursos serán impartidos en horario de cinco e media a oito da tarde por profesionais do sector que ofrecerán unha formación tanto teórica como práctica. O obxectivo deste programa consiste en potenciar un servizo hostaleiro de calidade na comarca como elemento de dinamización turística e económica.
Redacción Barbanza