“Muller e Cultura” temas da III Semana da Cultura Actual en Boiro

    O concello de Boiro acolle as actividades da Terceira Semana da Cultura Galega Actual que se desenvolverán no municipio barbanzán ata o vindeiro sábado. O papel da muller nos distintos eidos da nosa cultura é o tema central sobre o que xirarán as xornadas este ano. O acto de inauguración, que tivo lugar na noite de onte, contou coa presencia da Conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo e a escritora María Xosé Queizán.

    A conselleira de Cultura da Xunta de Galicia, Ánxela Bugallo, foi a encargada de inaugurar os actos da terceira edición da Semana da Cultura Galega que se desenvolve en Boiro dende onte ata o sábado día 22.

    Os vencellos da muller galega coa política, a literatura e a cultura popular son o eixo temático desta xornadas que pretenden converterse nun dos referentes culturais a nivel comarcal.

    O encargado de abri-lo acto de inauguración, que tivo lugar na Casa da Cultura Ramón Martínez López, foi o concelleiro de Cultura de Boiro, Xerardo Piñeiro, quen destacou a unidade cultural do Barbanza e expresou o seu desexo de que a Semana da Cultura se convirta nun referente en toda Galicia.

    Tamén interviron no acto a diretora do IES Praia de Barraña, Inmaculada Robleda, que agradeceu ó concello a súa forte aposta pola cultura e a escritora viguesa, María Xosé Queizán, quen centrou o seu discurso na discriminación da muller en diversos eidos da vida social e laboral.

    Pola súa banda, o alcalde de Boiro, Xosé Deira, agaradeceu a colaboración de tódalas persoas e institucións que colaboran no desenvolvemento destas xornada que teñen como obxectivo fomenta-la cultura como forma de vida.

    Nesa mesma liña, a Conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo, alabou a creación de espazos culturais para a reflexión como o constituído pola Semana da Cultura Galega. Así mesmo, destacou a importante labor das mulleres do Barbanza ó longo da historia e a súa contribución á dinamiza-la economía a zona. 

    Os actos da semana da Cultura continuaron hoxe coa conferencia impartida pola fotógrafa Maribel Longueira que tivo lugar ás doce da mañá na Aula Mestra do Bacharelato de Arte IES Praia de Barraña. Xa pola tarde, celebrouse unha mesa redonda na Casa da Cultura coa intervención das deputadas autonómicas, Ana Póntón, Laura Seara e Susana López Abella.

    Redacción Barbanza