O patrón maior da Confraría de Pescadores de Ribeira, Antonio Argibay, e o presidente da Agrupación de Mariscadores, Xosé Antonio Pérez, explicaron as razóns fundamentais que os levan a posicionarse en contra da ampliación da dársena portuaria e que se basean fundamentalmente nas perdas que se derivarán desta actuación, segundo un informe elaborado hai varios meses por técnicos da propia Consellería de Pesca.
O patrón maior da Confraría de Pescadores de Ribeira, Antonio Argibay, pon como exemplo a situación provocada con anterioridade nos recheos realizados na zona do porto como aconteceu co do Club Náutico, onde se viu afectado a zona do Cajaboy, unha das máis produtivas do pósito. Segundo el de levarse a cabo a ampliación do peirao comercial as consecuencias serían de extrema gravidade para os mariscadores de Ribeira.
O patrón maior ribeirés dou datos ademais das posibles perdas que se derivarían da construción da dársena exterior e que afectarían ás zonas de Ïnsua, Égoas e a Ameixida. Antonio Argibay pide tamén a comprensión dos veciños de Ribeira, e que se metan na pel dun mariscador, para deste xeito entender mellor as súas reivindicacións.
O presidente da Agrupación de Mariscadores de Ribeira, Xosé Antonio Pérez, fixo mención ó malestar xeral dos socios da confraría ante o proxecto de ampliación do porto comercial. Segundo el en Ribeira son máis de 300 persoas que viven do marisqueo na actualidade, que de levarse a cabo esta actuación verían periga-lo seu futuro.
Os mariscadores ribeireses síntense tamén traicionados cos grupos políticos locais que se posicionaron abertamente a favor da ampliación do porto. Segundo eles todo intento de maquillar esta obra como pode se-la solicitude de compensacións ou buscar a opción menos prexudicial para o medio ambiente é unha auténtica farsa. Deste xeito, os mariñeiros sosteñen que non se mantiveron contactos con eles para explicarlles o proxecto, tendo en conta que se trata do principal sector afectado.
A indignación é a tónica xeral que se respira na confraría posto que tanto empresarios coma comerciantes e demais sectores da sociedade están a favor da ampliación da dársena sen ter en conta os dereitos de mariñeiros e mariscadores.
O pósito ribeirés xa ten solicitado tamén unha entrevista co presidente de Portos de Galicia, Vicente Irisarri, co fin de enterarse de primeira man sobre a actuación que se pretende realizar.
Redacción Barbanza