A Garda Civil da Pobra xa dispón dunhas novas dependencias

    O corpo da Garda Civil da Pobra conta dende hoxe mesmo cunhas novas instalacións nas que desenvolve-lo seu traballo grazas ó convenio firmado esta mañá co concello. Mediante a cesión das dependencias, situadas nun anexo á casa consistorial, o executivo pretende mellora-las condicións de traballo dos axentes de modo que repercuta nun mellor servizo ós cidadáns.

    Diversos membros da Garda Civil comarcal e provincial asistiron esta mañá á sinatura do convenio entre o concello e o corpo de seguridade para a cesión das novas dependencias por parte do executivo local. Os axentes da Pobra poderán desenvolve-lo seu traballo nunhas instalacións anexas á casa consistorial nas que se ubica, dende hoxe mesmo, o cuartel da Garda Civil.

    O alcalde da Pobra, Isaac Maceiras, quixo expresa-la súa satisfacción ante este acordo que permitirá ó corpo municipal desenvolver unha mellor labor, cos consecuentes beneficios para tódolos veciños. Así mesmo, o rexedor pobrés agradeceu o esforzo realizado pola Garda Civil, en colaboración coa Policía Local, en situacións de emerxencia como é no caso das recentes inundacións ou nos incendios rexistrados durante o verán.

    No acto tamén estivo presente o comandante Isidro Martínez Viqueira, pertencente á Comandancia Provincial da Coruña, que agradeceu ó concello da Pobra a súa colaboración e interese por mellorar as condicións do persoal da Garda Civil.

    Trala sinatura do convenio, os membros da Garda Civil visitaron as novas dependencias en compañía do alcalde. Durante o percorrido polo cuartel, que ocupa unha superficie próxima ós 70 metros cadrados, Isaac Maceiras expresou o seu desexo de que as novas instalacións se axusten ás necesidades dos tempos actuais.

    Redacción Barbanza