RIANXO> Mal inicio da campaña do libre marisqueo en Arousa. O peor escenario rexistrouse nos Lombos do Ulla nos que foi imposible acadar os topes. Algo mellor deuse esta primeira xornada en Cabío e no Bohído aínda que tampouco abonda o marisco de talla comercial.
Tal e como se prevía, o arranque da campaña do libre marisqueo en Arousa non deixou boas sensacións. Especialmente crítica é a situación nos Lombos onde as poucas embarcacións que faenaron non acadaron os topes nesta primeira xornada.
Algo mellor aínda que tamén preocupante é a situación en Cabío e no Bohído. Hai marisco aínda que non abonda o de talla comercial.
Segundo o patrón maior de Rianxo, esta situación é froito de anos de inacción nos que non se ten abordado de xeito serio a rexeneración da ría con medidas integrais para recuperar a produtividade. Así as cousas, semella que a campaña do libre este ano non durará moito.











