O alcalde de Ribeira, Xosé Luís Torres Colomer, ten previsto manter en breve unha xuntanza co Director Xeral de Producción, Industrias e Calidade Agroalimentaria, Antonio Santiago Oca Fernández, co fin de analiza-lo proxecto de renovación do actual matadoiro municipal. A actuación vai encamiñada a reforza-la seguridade do recinto e mellora-lo sistema de depuración de residuos.
O obxectivo da xuntanza prevista entre o alcalde ribeirés, Xosé Luís Torres Colomer, e o Director Xeral de Producción, Industrias e Calidade Agroalimentaria, Antonio Santiago Oca Fernández, non é outro que solicita-la colaboración do seu departamento para a financiación do proxecto de renovación do matadoiro municipal.
Neste sentido, a Asociación de Carniceiros do Barbanza xa ten solicitado ó goberno local en varias ocasións a remodelacións das instalacións para poder ofertar un mellor servizo e de calidade ós cidadáns. Segundo os profesionais sería axeitado aumenta-lo sistema de seguridade para evita-lo fácil acceso ó recinto despois de que o pasado luns un grupo de descoñecidos forzara a porta e liberara a cinco reses vacunas que se atopaban no interior.
Así mesmo, tamén é preciso reforma-lo sistema de depuración para cumprir co regulamento municipal de vertidos de residuos. A proposta non contempla a paralización da actividade senón que consiste en conservar parte das instalacións actuais mentres se acometen as reformas para que os profesionias poidan seguir contando con este servizo.
A realización deste proxecto viría a satisfacer unha vella demanda dos profesionais do sector que teñen formulado peticións deste tipo en reiteradas ocasións.
Redacción Barbanza