BARBANZA > A feira sobre seguridade laboral ‘Preventiva’, organizada polo Centro Empresarial da Construción do Barbanza contará co apoio económico da Consellería de Traballo da Xunta de Galicia. Este compromiso foi adquirido onte polo titular autonómico de Traballo, Ricardo Varela, no transcurso dunha reunión mantida co presidente e vicepresidente da entidade comarcal, Xesús Lojo e Xaime López.
Os días 10, 11 e 12 de febreiro celebrarase en Ribeira a segunda edición da Feira ‘Preventiva’ que ten como obxectivo difundir as principais normas en materia de seguridade laboral e reducir a sinistralidade en tódolos sectores.
Nesta ocasión, a carpa na que se ubicarán os stands contará co doble de superficie do ano pasado ocupando preto dos mil metros cadrados e acollerá importantes firmas tanto a nivel galego como estatal.
Ademais das diferentes charlas, mesas redondas e actividades informativas está prevista a realización dun simulacro de accidente no que intervirán unha brigada de cans que realizaron labores de rescate durante o tsunami.
Todas estas novidades foron levadas onte ante o conselleiro de Traballo, Ricardo Varela, que amosou o seu interese pola iniciativa do CECB. Varela comprometeuse a destinar unha partida económica para a organización da feira que tamen contará cun stand da propia Consellería.
O presidente do Centro Empresarial, Xesús Lojo, aproveitou este encontro para convidar ó titular autonómico a asistir á inauguración de ‘Preventiva 2006’, encontro ó que tamén estará invitado o ministro de traballo, Jesús Caldera, encargado de presidi-la inauguración o pasado ano.
Redacción Barbanza