Nova plataforma cidadá contra a movida nocturna

    BOIRO > Varios veciños de Boiro están a traballar na constitución dunha plataforma cidadá en contra da movida nocturna. Tralo fracaso das súas demandas no concello, presentadas en reiteradas ocasións, os promotores da iniciativa decidiron formar legalmente esta entidade co obxectivo de conseguir que se prohiba a apertura de máis locais nocturnos.

    O vindeiro sábado terá lugar unha reunión entre os veciños de Boiro afectados polas molestias derivadas da movida nocturna para estuda-la  constitución dunha plataforma cidadá. Os veciños, cansos de que as súas reclamacións fosen desatentidas polos organismos públicos, decidiron legalizar esta entidade que ten como principal obxectivo impedi-la apertura de novos establecementos no casco urbano.

    Segundo os promotores da iniciativa as reunións mantidas cos representantes do concello ata o momento non deron os seus froitos. Tanto é así que, a pesar das súas reivindicacións, a administración xa ten tramitado novas licencias para a apertura de novos locais nocturnos.

    Así mesmo, os veciños denuncian a falla de seguridade posto que non se ten incrementado a vixilancia durante as noites da fin de semana. Ate o momento, só contan cunha patrulla disponible o cal fai imposible o seu desprazamento.

    A nova plataforma considera imprescindible que se cumpla a normativa vixente en materia de horarios de peche e control de ruídos para minimiza-las molestias derivadas da actividade nocturna. Neste sentido, denuncian a existencia de locais que incumpren a lei habitualmente e mesmo algúns non contan coa licencia requerida para o seu funcionamento.

    Redacción Barbanza