O BNG esixe á Xunta a mellora integral da estación de autobuses da Pobra

A POBRA> O BNG demanda melloras no transporte do Barbanza, non só no referente ás liñas senón tamén ás infraestruturas. Refírense á estación de autobuses da Pobra, con instalacións pechadas e sen apenas mantemento.

Ás deficiencias de mobilidade que presenta o servizo de transporte público na comarca do Barbanza súmase o mal estado dalgunhas instalacións como a estación de autobuses da Pobra.

O BNG presentou unha proposición non de lei no Parlamento instando ó goberno galego a acometer o arranxo integral da instalación que se atopa practicamente abandonada e sen prestar servizo ós usuarios.

Tamén dende Galiza Nova levan tempo denunciando a precariedade do transporte público da comarca. No ano 2024 mesmo chegaron a recoller sinaturas para reforzar a conexión ferroviaria coa provincia de Pontevedra, pero a proposta foi rexeitada polo PP.