Cáritas sae á rúa no Día da Caridade

    NOIA> O domingo 22 de xuño, Cáritas instalará 5 mesas en diversos puntos da vila co fin de recoller axuda para os máis necesitados.

    O desemprego e a actual crise económica incrementan cada día o número de familias que se ven obrigadas a acudir a Cáritas. No municipio de Noia, esta organización católica está abastecendo a preto de 200 familias, 40 delas en estado crítico, polo que calquera contribución á entidade é realmente agradecida. Para concienciar ós noieses das necesidades que sofren veciños e veciñas, Cáritas sae as rúas o próximo domingo día 22 co obxectivo de superar os 3.000€ que se viñan xuntando nos anos anteriores. A axuda recibida servirá para atender gastos médicos, de luz ou butano. Tamén se comprarán bonos de transporte para poñer a disposición daqueles que máis o necesitan. Cáritas pode destinar os cartos a estes servizos, grazas a que Banco de Alimentos colabora na nutrición dos usuarios. Aproveitando a ocasión, o director da entidade noiesa anunciou a creación dunha campaña de socios, na que cada persoa decidirá destinar o que boamente poida.