CAMBADOS > O alcalde de Cambados, Xosé Manuel Cores Tourís, esixe que se executen as obras anuladas por Medio Rural, e o BNG fai un chamamento á cooperación intelixente co novo goberno galego. Foi o que quedou en claro do debate da moción presentada polo PP no pleno deste xoves.
O voceiro do BNG de Cambados, Xosé Ramón Duran, aconsellou ó rexedor ofrecer unha cooperación intelixente co novo goberno autonómico, en vez de optar polo enfrontamento. O nacionalista facía referencia no pleno á manifestación dos alcaldes populares ante o parlamento e pedía a Cores Tourís que pola contra buscase solucións para os veciños. Durán amosouse disposto a participar xunto co resto da corporación municipal no deseño dun novo programa de infraestructuras no rural para presentar en xaneiro. Pero Cores Tourís non atendeu a ningún destes reclamos e insistiu en varias ocasións en que Medio Rural ten que executar as obras que anulou e respectar os convenios xa asinados co anterior goberno.
Ambos grupos só coincidiron nunha cuestión. Das trece accións comprometidas e anuladas por Medio Rural en Cambados, unha está situada no casco urbano polo que o alcalde amosouse disposto a excluíla da relación que presentará á Xunta.
A crispación entre ambos grupos comezou xa ó inicio do pleno, no debate das alegacións ó proxecto de ampliación do polígono de Sete Pías. O equipo redactor aprobou só dúas reclamacións e desestimou, entre outras a presentada polo BNG. Os nacionalistas esixían a inclusión deste proxecto no PXOM e advertía de falsidades no documento, como a existencia dunha depuradora en Sete Pías. Aseguran que non están en contra da creación de solo industrial pero cren que este é un mal proxecto.
O BNG votou en contra neste punto e o PSOE abstívose. Os socialistas dixeron non entender a urxencia desta ampliación e instaron ó concello a completar a primeira fase. Tanto PSOE como BNG denunciaron a falta de claridade tanto na primeira como segunda fase do polígono, con respecto a número de empresas ou postos de traballo xerados.
O alcalde explicou que as présas se debían a que tiñan oitenta empresas en lista de espera e negou calquera falta de transparencia ou irregularidade no proxecto. Cores Tourís instou ós grupos da oposición a consultar no concello cantas e que empresas hai instaladas no polígono e cantas hai interesadas.
No pleno deste xoves, o PP tamén aprobou o expediente para a contratación da xestión da piscina municipal, ante as críticas da oposición por privatizar este servizo.
Redacción Salnés