A FEB repartirá cincuenta mil euros en premios na súa campaña de Nadal

    BOIRO > A Federación de Empresarios do Barbanza presentou a súa campaña de Nadal na que se repartirán un total de cincuenta mil euros en vales de compra. Os boletos comezarán a repartirse este mesmo xoves en preto de mil establecementos de toda a comarca. O obxectivo é animar ós consumidores a realiza-las súas compras no pequeno comercio.

    Máis dun millar de negocios dos concellos de Boiro, Pobra, Rianxo, Noia, Muros, Porto do Son, Outes, Carnota, Mazaricos e Padrón-Rois-Dodro participan na campaña de Nadal da Federación de Empresarios do Barbanza.

    Dende este mesmo xoves e ata día seis de xaneiro os comercios comezarán a repartir rifas entre os seus clientes, unha por cada cinco euros de compra, coas que entrarán no sorteo de vales de compra de entre cen e mil euros. Os premios estrela serán os soldos mensuais de seiscentos e trescentos euros durante un ano que se darán o coñecer o día trece de xaneiro.

    O obxectivo desta campaña, baixo o lema Este Nadal descubre o que temos preparado para ti e Somos o teu comercio é facer máis atractivo o pequeno comercio para que os consumidores realicen as compras de Nadal nos establecementos tradicionais.

    O único dos concellos barbanzáns que non participa nesta campaña é o de Ribeira que, un ano máis, optou por facer campaña en solitario. En total, participarán preto de cento cincuenta establecementos ribeireses e a contía dos premios ascenderá ós quince mil euros. A campaña deste ano inclúe tamén a distribución de diverso material promocional posto que coincide coa posta en marcha do Centro Comercial Aberto Viamare.

    Redacción Barbanza