Cambados, o gran beneficiado nos orzamentos xerais do estado para 2022

AROUSA> Cambados é o concello máis beneficiado da nosa contorna nos orzamentos xerais do estado para 2022. Nas contas contémplase unha partida de máis de 3 millóns de euros para o novo cuartel da Garda Civil. Polo de máis, a proposta presupostaria non presenta grandes novidades. Reparte polas distintas comarcas outros 6 millóns de euros para proxectos xa en marcha. Entre eles, o saneamento en Sanxenxo e Poio, a comisaría de Ribeira ou a variante Cesures-Valga.

Os orzamentos xerais do Estado para 2022 reparten en Arousa e Ulla-Umia 9 millóns de euros. O concello máis beneficiado, segundo a proposta orzamentaria, é o de Cambados. Para alí van parar máis de 3 millóns de euros para o novo cuartel da Garda Civil.

Ademais tamén se contempla unha partida simbólica de 10.000 euros para a praza de abastos cambadesa, mentres non se resolven os trámites para a súa renovación total.

Outras partidas destacadas dentro das contas son para a nova EDAR de Paxariñas entre Poio e Sanxenxo, cun orzamento de 2,9 millóns; 1,2 millóns para a comisaría de Ribeira, que xa encara a súa recta final; e 50.000 euros para a variante Valga-Cesures. A isto hai que sumar as partidas específicas para a Autoridade Portuaria de Vilagarcía. Con todo, o investimento real final na nosa contorna podería verse incrementado a través dos Next Generation, fondos europeos aos que recorreron varios concellos para impulsar proxectos.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí