Ribeira volverá converterse no centro da moda galega

    RIBEIRA> Máis de trinta establecementos participarán na segunda edición da Semana da Moda que arranca este domingo en Ribeira. Entre os eventos máis destacados figura o desfile que se desenvolverá na praza de España o día sete ou a semana do pincho de primavera dedicada á exaltación da navalla. O gran éxito da primeira edición animou ós organizadores a celebrar a segunda semana da moda de Ribeira, promovida pola asociación de empresarios en colaboración co concello. As actividades comezarán este mesmo día cunha exposición de maniquís e fotografía de moda nos distintos establecementos participantes. Unha das principais novidades desta edición será a saída das perruquerías á rúa o xoves día cinco. O Centro Hostaleiro Aberto repite formato coa semana do pincho de primavera que este ano dedicarase á exaltación da navalla. Oito locais ofrecerán tapas con este marisco como base polo módico prezo de dous euros, entre o venres seis e o domingo oito. Os clientes que completen a ruta entrarán nun sorteo de vales degustación por valor de trinta euros. Pero sen dúbida, o gran evento da semana será a pasarela ‘Ribeira de Moda’ presentada polos actores Rafa Durán e Susana Rodríguez e coas actuacións musicais de Hugo e Yadhira e da cantante Mariú. Terá lugar o sábado a partir das oito e media da tarde na praza de España. En caso de chuvia trasladaríase á Fieteira. Durante toda a semana, os establecementos participantes repartirán rifas entre os seus clientes para participar no sorteo de vales de compra por valor de catrocentos vinte euros.