Mecos conmemora 25 anos dedicados á xuventude do Grove

O GROVE > Os socios do Club de Remo Mecos, do Grove, están de aniversario. O domingo celebraron as súas vodas de prata nun acto no que participou o director xeral para o Deporte, Santiago Domínguez, o alcalde Miguel Ángel Pérez, e un gran número de socios e veciños.

Co descubrimento dunha placa, o Club de Remo Mecos, pon punto e final a un ano cheo de eventos conmemorativos da súa constitución, o 27 de novembro de 1980. Durante este tempo homenaxeáronse ós primeiros directivos e remeiros da entidade, e ós moitos colaboradores que axudaron a manter vivo o club. Foi un 22 de novembro de 1980 cando se reuniu a primeira xunta directiva. Unha data que o actual presidente, Juan Ramón Outeda, non quere esquecer, nin tampouco o espírito co que se fundou unha entidade aberta a tódolos veciños do Grove.

Nestas vodas de prata, Mecos contou co apoio do director xeral para o Deporte, Santiago Domínguez, ademais de diversos membros da corporación municipal, encabezados polo alcalde e polo concelleiro de Deportes. Santiago Domínguez amosouse gratamente sorprendido polas instalacións e polo traballo que está a facer o Club. Tras comprometerse a seguir colaborando coa entidade entregoulle unha placa conmemorativa desta data ó  presidente de Mecos.

O alcalde do Grove, Miguel Ángel Pérez, felicitou a Mecos polo seu traball    o, non só no eido deportivo senón polas diferentes seccións coas que conta o club, como pode ser o grupo de gaitas e de baile Paradanda, que foi o encargado de amenizar a xornada. O acto rematouse coa proxección dun vídeo cos mellores momentos do Club Mecos.

Redacción Salnés