Iníciase a segunda fase das obras de saneamento integral da conca do Río Coroño

    BOIRO > A empresa Fermín Simal López vén de inicia-las obras da segunda fase para a implantación de colectores no Río Breiro, actuación coa que queda rematado definitivamente o proxecto.

    Esta segunda fase suporá un investimento de 167 mil euros, financiados pola Deputación Provincial da Coruña dentro de Programa Operativo Local 2005. A primeira fase, realizada pola empresa Ponciano Nieto, fora executada mediante un convenio entre o concello de Boiro e a Xunta de Galicia.

     

    A actuación nesta segunda actuación consiste na implantación de colectores no Río Breiro para o saneamento integral do cauce. Ademais, a execución deste proxecto permitirá a prestación do servizo a toda a zona do Carrofeito que ata o momento carecía de saneamento a pesar de ser unha área moi poboada.

     

    O concelleiro de Vías, Obras e Servizos, Xoán Xesús Ares, amosou a súa satisfación pola conclusión do proxecto que conseguirá erradicar definitivamente os vertidos incontrolados ó río Breiro. O edil sinalou a importancia deste cauce que desemboca na praia de Barraña como un do atractivos turísitcos máis importantes do municipio.

     

    A empresa Fermín Simal López tamén concluiu durante estes días outras dúas actuacións incluídas no POL 2005. Trátase da dotación de saneamento e impulsión na zona de Loimar, por un importe próximo ós noventa e seis mil euros e o saneamneto e impulsión en Arribada e Vidres, cun orzamento de máis de cento oito mil euros.

     

     

    Redacción Barbanza