Galiza Nova propón medidas contra a precariedade laboral dos mozos

    RIBEIRA> Galiza Nova Barbanza vai iniciar unha campaña informativa coa que pretende poñer o acento sobre a precariedade laboral nos mozos. A iniciativa levarase a cabo nos centros educativos de formación profesional e nos propios concellos, a través de mocións nas que esixen medidas para combater esta problemática. Coa finalidade de poñer enriba da mesa os problemas que as políticas levadas a cabo polos distintos gobernos do Partido Popular están a supoñer para os mozos en materia de emprego, Galiza Nova Barbanza vai desenvolver nas próximas semanas unha campaña informativa nas proximidades dos centros educativos da comarca. Pretenden denunciar a precariedade derivada dos contratos de prácticas e formación así como das bolsas de empresa, onde os mozos realizan un traballo apenas remunerado mentres os empresarios benefícianse de bonificacións fiscais. Ó mesmo tempo, presentarán en tódolos concellos do Barbanza mocións esixindo medidas efectivas que poñan fin a actual situación, nas que entre outros aspectos reivindican as prácticas remuneradas, a prohibición das empresas de traballo temporal ou a dos contratos precarios. Demandan tamén medidas concretas para acabar coa fuga de cerebros e recuperar os mozos investigadores que se viron obrigados a emigrar así como a creación de bolsas destinadas a titulados superiores en relación ós sectores produtivos con máis presenza na comarca como a conserva ou a actividade marítima en xeral. Por último, inciden na necesidade de crear novos espazos para a creación de emprego, como os viveiros de empresas, así como espazos de creación conxunta para a posta en marcha de ideas comúns entre a mocidade.