Rianxo presenta un plan pioneiro na comarca de accesibilidade

    RIANXO > Este venres presentábase en Rianxo o Plan Municipal Integral de Accesibilidade, unha iniciativa pioneira na comarca do Barbanza e financiada a través dun convenio de colaboración entre o Ministerio de Traballo e Servizos Sociais, a Fundación ONCE e o propio concello rianxeiro. Os obxectivos do Plan non son outros que diagnostica-lo estado e o tratamento da accesibilidade no municipio co fin de elimina-las barreiras existentes en urbanismo, edificación e transporte e así facilita-la accesibilidade a tódalas persoas con algún tipo de discapacidade.

    O concello de Rianxo, grazas a un convenio de colaboración co Ministerio de Traballo e Servizos Sociais, a través do IMSERSO, e a Fundación ONCE, vai levar a cabo un “Plan Municipal Integral de Accesibilidade”. Este venres en rolda de prensa presentábanse as características desta iniciativa que conta cun presuposto de 60 mil euros, dos cales o 89% serán aportados polo IMSERSO e a Fundación ONCE, e o 11% restante será asumido polo concello.

    O Plan Municipal Integral de Accesibilidade” desenvolverase en dúas fases. A primeira delas xa realizada pola empresa catalana Fonollá Arquitectura, que resultou gañadora do concurso aberto realizado polo concello, tivo como obxectivo a diagnose do estado e o tratamento da accesibilidade no municipio a través dun estudo das barreiras existentes en urbanismo, edificación e transporte, así como un informe de avaliación. Na segunda parte do Plan incluiranse as medidas técnicas e político-administrativas necesarias para acomete-los problemas dedectados nesa diagnose, sendo prioritaria a participación cidadá.

    Dende a Asociación de Minusválidos do Barbanza, entidade que tamén colabora neste proxecto, valórase moi positivamente a iniciativa, a primeira que se pon en marcha na comarca e que permitirá senta-las bases dos programas de accesibilidade para as persoas con algún tipo de discapacidade.

    A vindeira semana vaise poñer en marcha un novo programa informático no que toda persoa interesada na mellora da accesibilidade no municipio poderá participar dende a súa casa facendo alusión a aqueles aspectos nos que habería que incidir, denunciando os casos nos que se estea vulnerando a Lei de Accesibilidade. Ademais na Casa de Cultura Cuartel Vello van ter lugar varios cursos de formación abertos a tódalas persoas que o desexen nos que se incidirá nas actuacións a as políticas a realizar na mellora da accesibilidade no municipio. Estas xornadas terán lugar o luns e o martes de cinco a oito da tarde e o mércores de dez da mañá a unha da tarde.

    Redacción Barbanza