BARBANZA > As Policías Locais de Ribeira, Pobra do Caramiñal, Boiro e Rianxo dispoñen dun vehículo dotado con radar e alcolímetro que lle foi entregado pola Subdelegación do Goberno na Coruña. A partir de agora na comarca aumentarán os controis de tráfico, fundamentalmente nas vías urbanas, co fin de evita-lo alto número de accidentes que se rexistran nas estradas da zona.
A chegada da Subdelegada do Goberno na provincia da Coruña, Obdulia Taboadela, a Rianxo producíase este venres. Ás portas da casa consistorial agardábana os representantes da Mancomunidade de Municipios Arousa Norte, os alcaldes de Rianxo, Pedro Piñeiro, de Ribeira, Xosé Torres Colomer e Pobra do Caramiñal, Isaac Maceiras, así como o Tenente de Alcalde de Boiro, Xoán Xesús Ares.
O motivo da súa visita non era outro que facerlle entrega ós representantes do organismo supramunicipal dun vehículo dotado de alcolímetro e velocímetro, que será empregado a partir de agora polas Policías Locais dos catro municipios do Barbanza.
Foi precisamente o alcalde rianxeiro e actual presidente de Arousa Norte, Pedro Piñeiro, o encargado de explica-las razóns que levaron á solicitude á Subdelegación do Goberno deste vehículo e que responden basicamente a criterios de prevención de accidentes.
Obdulia Taboadela fixo referencia ó feito de que cada morto en accidente de tráfico é un fracaso. Por esta razón son necesarias este tipo de iniciativas que veñan a previr os accidentes, sen ter un claro afán recadatorio. Para a Subdelegada do Goberno na provincia da Coruña, non se pode falar de accidentes cando existen outros factores de relevancia como son o alcohol e a velocidade.
Redacción Barbanza