O tripartito tenta minimizar os custos de urbanización na Pedreira

    BOIRO > Tralas últimas xuntanzas mantidas cos propietarios da finca de Goiáns, o tripartito ve moi preto a sinatura do convenio que devolva ós terreos á titularidade municipal. O alcalde informou de que se están a ultimar os últimos flecos na procura de reducir os custos de urbanización para os propietarios das fincas na Pedreira.

    Xosé Deira lembrou que este convenio non afecta soamente ó concello e ós propietarios do pazo de Goiáns senón tamén os propietarios das fincas ás que afecta a modificación urbanística. Este é o principal escollo co que se atopa o tripartito á hora de chegar a un acordo definitivo. A súa intención é minimizar os custos derivados da urbanización da zona que terán que asumir os veciños posto que os terreos non presentan unha edificabilidade moi elevada.goins_300_150606.jpg

    O goberno municipal pretende que Eroski se faga cargo da financiación do vial previsto entre a estrada de Cabo de Cruz a Boiro e de Abanqueiro a Boiro, actuación que contribuiría a axiliza-lo tráfico nestes dous núcleos de poboación.

    Deste xeito, o tripartito zanxa a polémica xurdida en relación a recentes informacións que falaban da posibilidade de que os propietarios do pazo de Goiáns vendesen os terreos a empresarios particulares. O alcalde asegurou que a finca pasará proximamente a ser patrimonio do concello, o que constitúe un dos obxectivos do tripartito dende a súa chegada ó goberno.

    Unha vez asinado o convenio, o concello recibirá a titularidade dos 125 mil metros cadrados da finca de Goiáns a cambio dos 20 mil metros de terreo que recibirá Eroski na Pedreira cun coeficiente de edificabilidade do 0’45 por metro cadrado urbano. Como contrapartido, o concello recibirá o dez por cento do aproveitamento do terreo e urbanizará 29 mil metros cadrados de titularidade municipal.
    Redacción Barbanza