RIBEIRA > O Auditorio Municipal de Ribeira foi o escenario no que se desenvolveu durante todo o día do venres a I Xornada sobre a Violencia contra as Mulleres organizada polo Centro de Información á Muller. Con esta xornada o CIM de Ribeira continúa cos actos de concienciación social para denuncia-la violencia de xénero que sofren as mulleres.
A xornada organizada polo Centro de Información á Muller de Ribeira e que se desenvolveu no Auditorio Municipal da localidade estaba especialmente dirixida a profesionais que polo seu traballo teñen relación coa violencia de xénero, aínda que puideron asistir tódalas persoas que o desexaron.
O acto de apertura tivo lugar ás nove e media da mañá, coas intervencións da Directora do Servizo Galego de Igualdade, Ana Luísa Bouza Santiago, e a Concelleira de Igualdade, Servizos Sociais e Maiores, María Esther Patiño.
Xa as dez, as xornadas continuaron cun relatorio a cargo do Maxistrado da Audiencia Provincial da Coruña, Ángel Judel Prieto que versou sobre as novidades que introduce a nova lei integral de medidas contra a violencia de xénero, atendendo á apliación páctica dende os tribunais.
Posteriormente as xornadas continuaron con outra charla do Fiscal en asuntos de violencia dos Xulgados de Santiago e unha mesa redonda titulada “Iniciativas e retos institucionais”, na que se pretendía analizar dende unha triple perspectiva este problema: no ámbito educativo, na administración a na policía.
As xornadas continuaron pola tarde con dúas novas charlas, a primeira delas impartida polo coordinador do programa de atención psicolóxica ás vítimas de violencia de xénero e a segunda polos responsables na cárcere de Pereiro de Aguiar en Ourense do programa de tratamento para internos condenados por delictos relacionados coa violencia doméstica.
As seis e media tivo lugar tamén outra mesa redonda sobre os servizos de atención ás vítimas de malos tratos.
O encargado de poñe-lo peche ás xornadas foi o propio alcalde, Xosé Luís Torres Colomer, para dar paso logo a un concerto a cargo do grupo de mulleres de étnia xitana “Kachi Kalí”.
Redacción Ribeira