Un cento de boireses asistirán ó debut da selección galega de fútbol

    BOIRO >  O departamento de Deportes do concello de Boiro organiza unha viaxe a Santiago para asistir ó partido debut da Selección Galega de Fútbol que terá lugar o vindeiro xoves día 29. As persoas interesadas en asistir ó encontro fronte á selección uruguaia poderán inscribirse no concello polo módico prezo de sete euros.

    A concellería de Deportes de Boiro fletará dous autobuses para asistir ó encontro entre as seleccións galega e uruguaia que se celebrará o xoves 29 no estadio de San Lázaro en Santiago de Compostela. A saída está prevista para as sete e cuarto da tarde dende A Cachada.

    Un total de corenta prazas estarán reservadas para directivos e representantes dos clubs de fútbol do municipio que serán sufragadas pola Dirección Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia.

    As sesenta prazas restantes están a disposición do público en xeral e poden reservarse no concello de Boiro ou chamando ó teléfono 981 84 48 00. O seu prezo será de sete euros por persoa.

    O alcalde de Boiro, Xosé Deira, e a Concelleira de Deportes, Dores Torrado, acudirán ó encontro acompañando ós representantes das distintas entidades deportivas nun evento tan significativo para o fútbol galego.

    A concelleira anima a tódolos deportistas e cidadáns boireses a acudir a esta cita deportiva para animar á selección galega de fútbol.

    Redacción Barbanza