O PP de Boiro critica o retraso no pago das axudas a deportistas

BOIRO> O Partido Popular faise eco das queixas de varios deportistas federados que aínda non percibiron as axudas correspondentes ó pasado ano 2024.

Os populares denuncian que nove meses despois da convocatoria destas axudas, estas seguen sen realizarse.

Pero non só iso, o PP denuncia tamén que a día de hoxe o 30% das subvencións a clubs e entidades deportivas seguen pendentes de cobro.

Para os populares esta situación evidencia a falla de xestión por parte do goberno local, que non se preocupa polos deportistas nin tampouco polo deporte local.

A resposta por parte do Concello non se fixo agardar. O edil de Deportes, Marcos Fajardo, informou de que o pago destas subvencións será inminente.

Segundo el as máis grosas en canto a presuposto, cun investimento duns 230 mil euros, as destinadas a clubs e entidades deportivas, das que tan só restan un 30% por entregar, estase á espera de rematar a xustificación dos gastos ata o 31 de marzo.

En canto ás de concorrencia competitiva e as bolsas a deportistas agárdase ó remate da liquidación para poder incorporalo ó remanente de tesourería.