GALICIA > Alberto Núñez Feijóo será quen presida o PPdeG tralo congreso rexional de xaneiro. Finalmente só concorrerá unha soa candidatura trala alianza asinada con Xosé Manuel Barreiro. Os ex vicepresidentes da Xunta unen as súas forzas coa intención de garantir a cohesión do partido.
Alberto Núñez Feijoo e Xosé Manuel Barreiro formalizaron onte a unificación das súas candidaturas, unha alianza coa que pretenden garantir a cohesión do PP galego. Este pacto permitirá a Barreiro compatibilizar o seu cargo de presidente do PP de Lugo co de portavoz do grupo parlamentario e coa vicepresidencia rexional do partido. Un posto, este, que se creará no congreso do vindeiro 15 de xaneiro. Feijóo explicou que Barreiro o acompañará nas funcións executiva e organizativa do PPdeG e coordinará a vida orgánica do partido e a actividade parlamentaria. Outros nomes apuntados por Feijoo para o cambio de imaxe que lle quere dar ó partido son os outros presidentes provinciais Louzán, Juncal e Baltar.
O próximo presidente do PPdeG anunciou que ata o día de Reis non tomará ningunha decisión sobre a futura secretaría xeral do partido. Para este posto, Manuel Fraga suxerira a Barreiro, pero Feijóo advertiu xa en varias ocasións que a elección lle compete a el como próximo presidente. En todo caso explicou que a secretaría xeral conservará as mesmas funcións que ten na actualidade. A incógnita tamén se mantén na composición da nova executiva que estará integrada por 22 membros. Feijóo só desvelou que conservará unha placa para Barreiro.
O acordo entre Feijóo e Barreiro é consecuencia directa do mapa de apoios que quedou debuxado trala elección dos compromisarios que votarán ó sucesor de Fraga en xaneiro. Nestas votacións o ex conselleiro de Política Territorial perfilouse como o candidato con máis posibilidades cun respaldo do 85 por cento, o que forzou a Enrique López Veiga e a Xosé Cuíña a retirar as súas candidaturas e empuxou a Barreiro a integrarse na lista de Feijóo.
Redacción Salnés