O Museo Valle-Inclán aumenta a súa colección con novos manuscritos

    POBRA> O Museo Valle-Inclán segue a aumentar a súa colección coa incorporación de novos fondos. Trala recente adquisición de numerosas pezas para complementar as visitas de persoas con discapacidade visual, agora vén de incorporar diversos manuscritos orixinais e primeiras edicións de libros, entre os que se atopan Epitalamio (Historia de amores) escrita por un xoven Ramón del Valle-Inclán, que foi editada en Madrid no ano 1897. A edil de Cultura e Educación, Encarnación González, e o director do Museo Valle-Inclán, Antonio Gonzalez Millán, foron os encargados de dar a coñecer as novas incorporacións de fondos museísticos de especial relevancia que vén de adquirir o museo pobrense. Trátase de documentos manuscritos orixinais e primeiras edicións de libros, entre os que se atopan dúas cartas e 16 frontes de sobres postais, manuscritos de época, redactadas ou recibidas por Manuel Murguía, home de Rosalía de Castro, e primeiro presidente da Real Academia Galega. Entre os libros presentados, destaca tamén por riba de todos un volume de pequeno formato pero de gran rareza titulado Epitalamio. (Historia de amores), obra escrita por un xoven Ramón del Valle-Inclán, e editada en Madrid en 1897, na Imprenta de Antonio Marzo. Dáse a circunstancia de que é a primeira e única edición deste título. Entre o resto de documentación presentada que xa forma parte dos fondos do museo atopamos tamén un Manifesto, datado en Madrid, a 8 de xullo de 1931, recén instalada a II República Española, e asinado polos máis distinguidos persoeiros do eido cultural literario do momento: Ramón del Valle-Inclán, Gregorio Marañón, Tomás Borrás, Francisco Camba, Azorin, ou os irmáns Machado, entre outros, no que se declara o apoio público destes intelectuais ó labor da Compañía Ibero-Americana de Publicacións.