O PSOE insta ó executivo a prohibi-la vinculación dos seus membros con negocios inmobiliarios

    RIBEIRA > O grupo municipal socialista de Ribeira vén de presentar unha iniciativa no pleno para evita-la vinculación dos membros do executivo con negocios de tipo inmobiliario. O obxectivo desta moción é evitar que se sigan a cometer infraccións urbanísitcas e que os gobernantes garantan a transparencia das actuacións municipais.

    Os socialistas ribeireses apoian a súa moción na crecente ‘desconfianza dos cidadáns’ ante a permisividade de certas actuacións urbanísticas que, en ocasións, poden atribuírse a ‘favoritismos da administración con persoas afíns tanto por motivos persoais como políticos e laborais’.

    Segundo o grupo do PSOE estas actuacións poñen en dúbida a honestidade dos gobernantes e dos técnicos municipais encargados da xestión urbanística. Por este motivo, é preciso adoptar medidas urxentes que axuden a recuperar a confianza dos cidadáns nos seus xestores. 

    Neste sentido solicitan que se prohiba, con carácter xeral, a vinculación ó negocio inmobiliario do alcalde ou de calquera dos concelleiros que formen parte do goberno municipal.

    Así mesmo, os socialistas demandan tamén que se prohiba calquera actividade privada ó marxe dos servizos municipais ós arquitectos, inxenieros, arquitectos técnicos ou mesmo delineantes que presten os seus servizos no concello.

    Redacción Barbanza