CAMBADOS > O Concello de Cambados e os empresarios do Salnés asinaron este venres un convenio de colaboración para impulsar a inserción laboral dos alumnos do Obradoiro de Emprego A Xuventude. Nesta quinta promoción participaron uns 68 alumnos de entre 18 e 25 anos de idade. O vindeiro luns darán por rematado este ano e medio de formación.
O concello de Cambados e a Asociación de Empresarios do Salnés colaborarán na inserción laboral dos alumnos da quinta promoción da Escola Obradoiro A Xuventude. O alcalde José Manuel Cores Tourís e o presidente dos empresarios Adolfo Guillamón asinaron o convenio. Trátase dunha declaración de intencións que facilitará o contacto entre alumnos e empresarios para buscarlle unha saída laboral. Nesta tarefa mediarán tanto a Axencia de desenvolvemento local como a de Orientación Laboral do concello, que xa contan cos currículos dos 68 mozos que pasaron por A Xuventude Cinco.
Os alumnos recibiron formación no último ano e medio nas materias de construcción, con canteiros e albaneis, carpintería, fontanería-electricidade, e xardinería e medio ambiente. Foron case tres mil horas formativas que se completaron coa execución de diversas obras para o concello. A firma desta quinta promoción queda xa na remodelación das antigas escolas unitarias de Cambados. Ademais deste impulso a través da asociación de empresarios, o goberno local mantén aberta a liña de axudas para a creación de empresas de economía social. De feito este ano, un grupo de alumnas do módulo de xardinería xa teñen en trámite esta iniciativa. En xeral, nos anteriores proxectos da escola obradoiro a reinserción laboral foi alta, tal como indicou o alcalde de Cambados, José Manuel Tourís. O vindeiro luns clausúrase esta quinta edición de A Xuventude coa presencia do delegado provincial de Traballo.
Redacción Salnés