CAMBADOS > O BNG de Cambados reuniuse cos mariñeiros do cerco do municipio para tratar os problemas que está a padecer o sector. O deputado do BNG, Bieito Lobeira, estivo nesta reunión na que se falou das axudas comprometidas na captura da anchoa e sobre a cota pesqueira acadada nos últimos acordos de Bruxelas.
Na reunión, na que tamén estiveron presentes os representantes da confraría, puxéronse enriba da mesa os aspectos que máis afectan a este sector. Durante máis dunha hora, os nacionalistas debateron, entre outros temas, o das axudas polas baixas capturas de anchoa durante 2005. Unhas axudas que, a un importante número de mariñeiros lle foron negadas por non teren cotizados seis meses.
Lobeira criticou o compromiso adquirido polo anterior goberno autonómico e falou de confirmar estas axudas por parte da actual administración autonómica. Na reunión tratouse tamén o tema das cotas acordadas en Bruxelas que, a xuízo dos nacionalistas, non se adecúan ás previsións científicas e establece unha orde de pesca prexudicial para Galicia. Así, falaron das subvencións que van facer falta en realidade e se van solicitar á administración.
Redacción Salnés