A Deputación de Pontevedra acusa ao PP de empregar ‘datos sen verificar’ para criticar as contas provinciais de 2020

VILAGARCÍA> A Deputación de Pontevedra acusa ó PP de non empregar datos verificados para cargar contra a proposta de orzamentos do ente provincial para o ano que vén. O voceiro da Deputación defende que o goberno provincial é a administración que máis cartos transfire ós concellos. Dende Carril, Carlos López Font indicou que nos últimos catro anos, a institución provincial investiu máis de 50 millóns de euros na comarca do Salnés.

50 millóns de euros. Ese é o montante do investimento da Deputación de Pontevedra da comarca do Salnés entre os anos 2015 e 2019. De media, o investimento medio por habitante rolda os 450 euros.

Con estes datos sobre a mesa, o voceiro do goberno provincial quixo saír ó paso das críticas do PP polos orzamentos artellados polo bipartito para o ano vindeiro, que se incrementan ata os 161 millóns. Carlos López Font acusa ó PP e en especial ó seu voceiro provincial, Jorge Cubela, de non empregar datos verificados.

O deputado indicou que a de Pontevedra é a deputación que máis cartos transfire ós concellos, un 30% do total que manexa.

Segundo detallou, os concellos do Salnés recibiron da Deputación 27 millóns de euros para proxectos do Plan Concellos. Con eses cartos acometéronse máis de 300 obras. Ademais, percibiron outros 23 millóns de euros para outros plans, como o DepoRemse ou de Reequilibrio. Neste sentido, salientou que agora o executivo provincial reparte  os fondos entre os concellos de xeito obxectivo e equitativo

Ademais, puxo en valor o emprego que se xera a raíz dos proxectos impulsados a través dos plans provinciais, ben sexa dos vinculados directamente coa creación de postos de traballo ou cos derivados do impulso das obras do Plan Concellos.

Font aproveitou para cargar contra a partida que a Xunta contempla nos seus orzamentos de 2020 para a comarca. Puxo como exemplo do desleixo do goberno galego a xestión á hora de impulsa-lo proxecto da Vía Verde do Salnés.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí