A autovía do Barbanza primará os criterios técnicos sobre os económicos

    BARBANZA > A Conselleira de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, María Xosé Caride, asegurou esta mañá ante o Pleno do Parlamento que na adxudicación e construción da autovía do Barbanza prevalecerán os criterios técnicos sobre os económicos, co fin de garanti-la máxima seguridade para os condutores. As obras desta estrada compatibilizaranse coa canalización dos servizos de gas natural e telecomunicacións, dúas das principais demandas dos alcaldes da comarca.

    A Conselleira de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, María Xosé Caride, garantiu diante do Pleno do Parlamento que na adxudicación dos traballos de construción da Autovía do Barbanza prevalecerán os criterios técnicos sobre os económicos.

    A Titular de Política Territorial xustificou, deste xeito, a decisión tomada pola Mesa de Contratación, de solicitar un novo informe técnico que permita selecciona-lo proxecto, xa que fora criticada polo Partido Popular, ó considerar que este trámite ía retrasar aínda máis o comezo das obras.

    A pesar diso a adxudicación do proxecto de construción da Autovía farase  antes de finais do mes de xaneiro.

    A oferta seleccionada deberá ademais garanti-lo mantementoe  a conservación da autovía por parte da empresa adxudicataria durante os 30 anos que durará a concesión e aportar a máxima rendabilidade económica e social dun investimento que se sitúa ó redor dos 100 millóns de euros.

    María Xosé Caride explicou tamén ante a cámara que a petición dun segundo informe técnico no supoñía tampouco desacredita-lo informe encargado polo anterior goberno da Xunta, senón que responde á intención de dispoñer de máis elementos de xuízo antes de tomar unha decisión definitiva.

    A Conselleira de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes atendendo tamén ás demandas dos alcaldes da comarca do Barbanza, sinalou que o seu departamento está a manter contactos con empresas operadoras en materia enerxética e de telecomunicacións co fin de pechar acordos para que as obras da autovía poidan compatibilizarse coas canalizacións de gas natural e fibra óptica.

    Redacción Barbanza