O concello de Boiro construirá un centro social en Abanqueiro

    BOIRO > O concello de Boiro elaborou o anteproxecto para a construción dun Centro Social na parroquia de Abanqueiro. A construción destas instalacións, presupostadas en preto de oitocentos mil euros, será levada a pleno durante o 2006. O novo edificio ubicarase nunha parcela de titularidade municipal no lugar da Fieiteira.

    As dependencias do centro sociocultural de Abanqueiro ubicadas nun solar de máis de oitocentos metros cadrados con setecentos vintedous de superficie útil, distribuídos en dúas prantas.

    Na pranta baixa estará situada a recepción e a cafetería, un salón de actos con capacidade para máis de setenta prazas e unha sala polivalente. A pranta superior acollerá tres aulas para a realización de cursos e actividades culturais, unha biblioteca e os aseos.

    O executivo local xa presentou o proxecto ós veciños de Abanqueiro que amosaron o seu acordo coa creación deste centro.

    Unha vez aprobado no pleno, o proxecto sairá a exposición pública e destinarase unha partida orzamentaria para a súa execución nos presupostos o vindeiro ano, co obxectivo de inic-la obra ó longo do 2006. O concello solicitará tamén fondos económicos a diversas institucións para acomete-la actuación, agardando que a busca de financiación non retrase o proxecto.

    A creación destas instalacións en Abanqueiro vense sumar ó proxecto do Centro Social de Cabo de Cruz promovido polo tripartito que será ubicado no antigo mercado da localidade.

    Redacción Barbanza