Pesca non aplicará a lei europea de 48 horas nas análises

    VILAGARCÍA > O sector mexilloeiro abordou a situación creada pola toxina. Durante a reunión tratáronse varios aspectos: o principal foi a da nova normativa de Unión Europea sobre biotoxinas. Segundo esta normativa, que entraría en vigor a partir do 1 de xaneiro, o prazo de control de toxina sería ampliado en 24 horas, o que daría un total de 48 horas de espera.

    Pero dende a Consellería de Pesca garántese ó sector mexilloeiro que a prolongación a 48 horas dos prazos nas mostraxes das células tóxicas non serán aplicados pola Unión Europea en Galicia.

    Dende o departamento que dirixe Carmen Gallego indícase que en Galicia se están a realizar dende hai tempo análises simultáneas, tanto de fitoplancton coma de moluscos, polo cal a Comunidade Autónoma entra dentro deses requisitos e non terá que ampliar 24 horas máis os actuais tempos dos controis de toxicidade.

    Pesca e Asuntos Marítimos tamén apuntou ás xestións que está a realizar coa Unión Europea para lograr que, ó longo de 2006, se cambien as actuais análises de toxina por bio-ensaio por métodos químicos, máis áxiles.

    Redacción Salnés