BOIRO/POBRA > A Delegada Provincial na Coruña da Consellería da Presidencia, María Esther González Saavedra, realizou esta mañá unha visita ós concellos de Boiro e Pobra do Caramiñal para coñecer as principais carencias e necesidades que presentan estes dous concellos. A visita forma parte dunha rolda de contactos que pretende levar a cabo en tódolos concellos da provincia.
A primeira toma de contacto da Delegada Provincial na Coruña da Consellería da Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, María Esther González Saavedra, coa comarca do Barbanza iniciouse no concello de Boiro. Alí mantivo un encontro cos representantes do equipo de goberno entre os que se atopaban o alcalde, Xosé Deira, os Tenentes de Alcalde, Xoán Xesús Ares e Manuel Velo, así como o concelleiro delegado da Policía Local, Xoán León. Na xuntanza tamén estiveron presentes o portavoz do Partido Popular, e os xefes da Policía Local e da Agrupación de voluntarios de Protección Civil.
Foi precisamente o alcalde boirés o encargado de explicar algunhas das demandas que lle presentaron á Delegada, entre elas unha axuda económica para palia-la débeda contraída coa empresa Necso polas obras de construción do actual concello así como a preocupación pola oficina do Rexistro Mercantil.
Tamén lle fixeron entrega das necesidades de material, por unha banda a adquisición de dous vehículos, un tipo turismo e un furgón para atestados, así como dúas motocicletas para a Policía Local e por outra un todoterreo, unha embarcación pneumática, un camión motobomba e unha terminal remoto para a Agrupación de Protección Civil.
Durante a súa intervención a Delegada Provincial na Coruña da Consellería da Presidencia, María Esther González Saavedra valorou moi positivamente o encontro.
Posteriormente a Delegada Provincial na Coruña da Consellería da Presidencia traladouse ó concello da Pobra do Caramiñal onde mantivo un encontro co alcalde Isaac Maceiras e visitou as obras de ampliación da actual casa consistorial que están a ser realizadas grazas a unha importante axuda do seu departamento. O rexedor pobrés aproveitou tamén este encontro para convidar a ela e ó conselleiro á súa inauguración unha vez rematadas as obras.
Redacción Barbanza