Máis de 3300 sinaturas avalan as reivindicacións da ANPA do Grupo

RIBEIRA> Representantes da ANPA de Ribeira entregaban esta mañá no concello as máis de 3000 sinatura recollidas para instar á Consellería de Educación a que atenda as súas demandas. A principal é a incorporación dun titor para terceiro aínda que insisten tamén na necesidade de acometer obras no centro.

Ó longo de cinco semanas de mobilizacións e protestas, a ANPA do CEIP O Grupo de Ribeira logrou 3353 sinaturas de apoio cidadá ás súas reivindicacións. Foron entregadas esta mañá no rexistro do concello, acompañadas dun escrito dirixido ó Conselleiro de Educación no que esixen a incorporación dun mestre para titorizar a aula de 3ºB.

Dende a ANPA son optimistas posto que o equipo directivo do colexio ven de manter unha xuntanza co director territorial de Educación na provincia da Coruña na que lles comunicou que informará favorablemente nunha comisión prevista para  a próxima semana.

Aínda así prefiren ser cautelosos ata obter unha resolución en firme que garanta a incorporación dun mestre, corrixindo así un erro administrativo que está a prexudicar a toda a comunidade educativa.