Francisco Candela presenta en Rianxo o proxecto da travesía de Rinlo

    RIANXO > O deputado provincial responsable da área de Vías da Deputación da Coruña, Francisco Candela, presentou esta mañá no concello de Rianxo o proxecto técnico da travesía de Rinlo, de entrada á vila. Unha actuación, presupostada en case medio millón de euros, e que contempla a mellora integral do entorno para a canalización do tráfico, coa reposición de firme e pavimentos, a construción de beirarrúas, rede de abastecemento e instalación de alumeado.

    O tramo no que se acometerán as obras esténdese dende o cruce coa rúa Rosalía de Castro de acceso ó porto ata a intersección coa rúa Arcos Moldes. O obxectivo é mellorar a vía no entorno do Pazo, onde se veñen rexistrando numerosos accidentes.

    A actuación consistirá en dotar á travesía de beirarrúas máis amplas e convertir a entrada no casco urbano da localidade nunha vía de dirección única. O proxecto contempla ademais a construción de dúas rotondas para a canalización do tráfico, unha no cruce de Rianxiño e outra na rúa Arcos Moldes, ó lado do Colexio Castelao.

    Os traballos implicarán a demolición do firme actual posto que a súa rasante é superior á das beirarrúas. Procederase entón á nova pavimentación da calzada e aparcadoiros, dotándose en ámbolos dous casos dun paquete de firme acorde ó tráfico.

    Así mesmo, procederase á reposición da rede de abastecemento, saneamento e alumeado con farolas tipo ‘clásico Villa’.

    O proxecto inclúe tamén a sinalización e a instalación de semáforos así como o mobiliario urbano consistente en xardineiras, bancos e papeleiras.

    A actuación, orzamentada en preto do medio millón de euros, está incluida no Plan de Travesías 2005 e conta cun prazo de execución de oito meses.

    O alcalde, Pedro Piñeiro, inisitiu na necesidade de incrementa-la seguridade en varios puntos viais da vila e aproveitou a ocasión para solicitar novas actuacións a longo prazo.

    Redacción Barbanza