As obras da casa consistorial da Pobra estarán rematadas en febreiro

    POBRA > O alcalde da Pobra do Caramiñal, Isaac Maceiras, confía en que as obras de ampliación do concello estean rematadas a finais do vindeiro mes de febreiro. A súa intención é que o Conselleiro da Presidencia, Xosé Luís Méndez Romeu, sexa o encargado de inaugura-las novas dependencias municipais.

    Un dos proxectos máis importantes que está a levar a cabo o equipo de goberno da Pobra do Caramiñal nesta lexislatura é a reforma da actual casa consistorial e do seu contorno, así como a urbanización da súa parte posterior.

    A actuación conta cun presuposto total que se achega ós 754 mil euros, dos que boa parte serán achegados pola Xunta de Galicia, grazas ós convenios asinados con varias consellerías.

    O alcalde Isaac Maceiras informou de que as obras que están a ser realizadas pola empresa Oñial marchan a un bo ritmo polo que agarda que estean rematadas no prazo dun mes, para proceder logo á súa inauguración.

    No referente ás características da reforma cabe indicar que incluirá ademais a urbanización e remodelación do espazo circundante posterior, co fin de incrementa-lo número de prazas de aparcamento e axusta-lo acceso, iluminación e ventilación das dependencias municipais actuais e futuras.

    A nova actuación contemplou ademais o derrube da edificación anexa á casa consistorial, que unha vez rematadas as obras dará lugar a unha gran fachada principal.

    Na planta baixa proxéctanse os xulgados, mentres que nas plantas superiores irán as dependencias municipais para comunicar directamente coa actual casa do concello.

    Unha das dependencias que se verá tamén mellorada será o arquivo municipal.

    Redacción Barbanza