O concello de Boiro analizará as causas do desemprego nun estudo

    O concello de Boiro ten previsto elaborar un estudo sobre as condicións socio-económicas e formativas relacionadas coa creación do emprego no municipio. A análise recollerá unha mostra de poboación variada, formada tanto por desempregados como empresarios, co obxectivo de identificar os factores que inciden na falla de emprego e as novas áreas de mercado existentes no concello.

    A Consellería de Traballo da Xunta de Galicia vén de outorgar unha subvención de 17.500 euros ó concello de Boiro para a elaboración dun estudo sobre a situación actual do emprego no municipio. Este informe, que será elaborado pola empresa IDEAR S. L., centrarase na análise de dous colectivos da poboación.

    En primeiro lugar estudarase a situación de mozos que se atopan sen traballo para analizar as causas do desemprego. Incidirase tamén na formación recibida por cada un dos membros da mostra co obxectivo de ofertar dende o concello cursos formativos de utilidade e que teñan aplicación efectiva á hora de conseguir traballo.

    A outra parte da mostra está constituída por un grupo de empresarios co obxectivo de analizar as cotas de autoemprego existentes no concello e os novos terreos de mercado que se están a abrir.

    O estudo vai encamiñado tamén a reducir o alto índice de emigración por motivos laborais rexistrado en Galicia tanto a nivel estatal como europeo, analizando os factores socio-económicos que o motivan.

    Redacción Barbanza