Ribeira contará con medio millón de metros cadrados de chan industrial no 2007

    RIBEIRA > Ribeira contará para o ano 2007 con medio millón de metros cadrados de chan industrial, grazas a dúas actuacións que pretende levar a cabo o actual executivo que preside Xosé Luís Torres Colomer. A primeira delas, de iniciativa privada, levaríase a cabo en Couso, e a segunda afectaría a Xarás.

    O concello de Ribeira podería contar con aproximadamente medio millón de metros cadrados de chan industrial unha vez rematadas as modificacións no Plan Xeral de Ordenación Urbana coa súa correspondente adaptación á Lei do Solo a través de dous plans parciais.

    Os proxectos que está a ultima-lo executivo ribeirés e que se acometerían na localidade son dous, un de iniciativa privada na zona de Couso e outro de iniciativa pública en Xarás.

    A intención do goberno local é levar estes dous temas ó vindeiro pleno que se celebrará o derradeiro luns deste mes de xaneiro para a súa aprobación. A proposta xa lle foi presentada tamén os distintos grupos políticos con representación municipal.

    A ampliación do polígono de Xarás discorrerá de xeito paralelo á estrada comarcal AC-305 que une Ribeira con Noia, ó longo duns 1.200 metros de lonxitude, ocupando unha superficie bruta total de 180 mil metros cadrados.

    No caso de Couso a superficie total ascende a máis de 341 mil metros cadrados e o seu custe será de máis de oito millóns de euros.

    O Tenente-Alcalde de Ribeira sinalou que con esta actuación veranse cumpridas as necesidades de chan industrial existentes no municipio.

    Estas actuacións que está a levar a cabo o executivo ribeirés están encamiñadas a conseguir que os empresarios sigan apostando por Ribeira como un lugar idóneo para a ubicación das súas empresas e manter, deste xeito o posicionamento do municipio como o motor de dinamización na comarca do Barbanza.

    Redacción Barbanza