Alarma social ante o incremento de roubos no Barbanza

    BARBANZA > No apartado de sucesos temos que falar do incremento dos actos delictivos rexistrados na comarca do Barbanza nos últimos días. Varios establecementos do concello de Boiro foron vítimas de roubos na madrugada do pasado domingo; entre eles unha cafetería e un ciber café. Un restaurante da Pobra correu a mesma sorte posto que uns asaltantes conseguiron acceder ó seu interior e leváronse todo o diñeiro da caixa.

    O aumento dos roubos a pequena escala está a crear unha grande alarma social entre os veciños e empresarios do Barbanza. Durante a pasada fin de semana dous establecementos comercias de Boiro recibiron a visita dos ladróns que lograron substraer importantes cantidades.

    O primeiro dos afectados foi o cíber situado na Avenida da Constitución. Os asaltantes romperon a parte inferior da porta e acederon ó interior do establecemento, de onde se levaron o equipo completo do servidor e varias caixas de discos.

    Tras este primer asalto, os ladróns entraron nunha cafetería da Rúa Principal, levando consigo a caixa da máquina tragaperras e un reproductor de DVD. A súa intención era roubar tamén un televisión de plasma pero, afortunadamente, foron incapaces de separalo da parede na que estaba suxeito.

    Xoán León, concelleiro delegado da Policía Local de Boiro, quixo aclarar tamén que dende hai varias semanas a plantilla deste corpo está a funcionar con total normalidade e os axentes de baixa xa se incorporaron ó servizo, polo que segundo el, non se pode culpar este feito como a causa do incremento dos roubos.

    Redacción Barbanza