‘Sábados de Loito, Sábados de Loita’. Baixo este lema reuníronse as integrantes do colectivo Mulleres en Acción na praza do concello para lembrar ás vítimas da violencia de xénero. Setembro foi un mes especialmente negro con dez mulleres asasinadas ás que o colectivo pretende con este acto darlles voz para que a sociedade non esqueza, deixando a súa pegada no monumento ‘Vidas Fendidas’.
Precisamente a negación da violencia machista, fai aínda máis necesario seguir na loita polo que Mulleres en Acción convocará un acto de lembranza o primeiro sábado de cada mes para manter viva a memoria das mulleres que morreron a man dos seus agresores. O Ministerio de Igualdade cifra a día de hoxe en 49 as mulleres asasinadas no que vai de ano, máis que en todo 2022.