A Xunta estuda subvencionar o proxecto de reforma do matadoiro ribeirés

    RIBEIRA > O director xeral de Produción, Industrias e Calidade Agroalimentaria, Antonio Santiago Oca, desprazouse na tarde de onte ata Ribeira para manter unha reunión cos membros da Asociación de Carniceiros do Barbanza.  O representante autonómico informou ós profesionais das medidas que adoptará a Xunta en relación ó peche provisional do matadoiro ribeirés polo incumprimento da normativa da Unión Europea. A administración autonómica podería facerse cargo da reforma do edificio no caso de que o proxecto cumpra dous requisitos: que non se aumente a capacidade de sacrificio de reses e que se respecte o paquete de medidas hixiénicas en vigor dende o 1 de xaneiro.

    No transcurso da reunión, que se desenvolveu nas dependencias do Liceo Marítimo de Ribeira, o director Xeral de Calidade Agroalimentaria dependente da Consellería de Medio Rural deu a coñecer o estado actual no que se atopa o proxecto de reforma do matadoiro, presentado polo concello.

    A administración autonómica está a estuda-la proposta que contempla a ampliación das instalacións para acoller novas dependencias necesarias para cumprir co regulamento establecido pola Unión Europea.

    Segundo explicou o representante da Consellería de Medio Rural, o proxecto sería subvencionable no caso de que se contemplaran dúas esixencias. A primeira delas é o cumprimento das medidas hixiénicas establecidas pola normativa europea e a segunda que a actuación non supoña un incremento da capacidade de sacrificio das instalacións.

    Antonio Santiago explicou que o actual matadoiro ribeirés non podería seguir funcionando nas condicións nas que se atopa debido ás importantes deficiencias que presenta. Neste sentido, o titular de Calidade Agroalimentaria explicou que ata o momento as instalacións axustábanse á legalidade posto que funcionaban baixo o réxime de excepción permanente pero a entrada en vigor do novo regulamento motivou o seu peche temporal.

    O encontro estivo organizado polo grupo municipal do BNG que considera imprescindible o servizo que presta o matadoiro ribeirés para todo o sector cárnico da comarca do Barbanza.

    Redacción Barbanza